Casa con patín
1/1
Casa con patín Tipoloxía mariñeira · Casco Histórico

Casa con patín

O patín ou potín (escaleira exterior) trátase dun elemento construtivo moi característico dalgunhas casas mariñeiras. Hai que destacar que a súa introdución permite a aparición do único modelo da casa con acceso diferenciado a cada unha das súas plantas o que posibilita unha maior riqueza tipolóxica. A súa orixe débese á necesidade de aproveitar o maior espazo habitable na vivenda. Isto lógrase mediante a presenza exterior da escaleira de acceso.

Xeralmente trátase de edificacións localizadas na trama urbana máis arredada do mar, xa onde o  terreo tende a ser máis inclinado. O patín pode estar situado nun dos muros laterais da casa, aproveitando a pendente do terreo, pero tamén aparece na fachada frontal, na que pode situarse paralelo a da fachada ou perpendicular a mesma.

No remate da escaleira aparece o patamal, que se sustenta nunha base maciza de cachotería que  conforma a escaleira e a plataforma ás veces non é macizo e aprovéitase como galiñeiro ou almacén. O patamal cumpre varias funcións: como lugar de reparación e secado de redes, como espazo de solaz nos días de verán, etc.

Organismos colaboradores