Hórreos de Bornalle
O feito de que o noso concello se atope á beira da ría de Muros e Noia, cunha importante fachada marítima, protexida polos montes próximos á mesma, explica que ata non hai moito convivise unha economía mixta, agrícola -- mariñeira, que se plasma nas construcións que daban reposta ás súas necesidades.
Son moitos os elementos materiais que definiron a vida, o traballo, a arte e os costumes populares galegas de tempos pasados, e que perduraron no noso concello, podemos atopar elementos típicos da cultura galega como os Hórreos. Os canteiros do noso Concello sempre tiveron sona, demostrando a súa sabedoría, na realización deste tipo de construcións. Dispostos en lugares idóneos para a conservación do millo e para o secado do cereal, presentan unha rica variedade tipolóxica, pese a que predomina os de estilo "noiés", caracterizado por ser unha construción de cantería, convive con outras como os pertencentes ao tipo "Fisterra" que se caracterizan por presentar unha maior rusticidade, e incluso atopamos en Muros un hórreo do tipo "Morrazo", pouco habitual na comarca, e lonxe da súa área de expansión.
O hórreo, tamén chamado piorno, canastro, cabazo ou cabaceira, é unha peza clave no contexto arquitectónico, económico e cultural nas casas rurais galegas, é un espazo empregado para almacenar e protexer os froitos da colleita, fundamentalmente millo.
Ten unha construción sinxela e de partes ben diferenciadas. O seu corpo principal é unha cámara de planta rectangular, de pedra que se asenta sobre piares para illalos de posibles ratos e animais, e mantelo o máis seco posible. Ten unha porta nun dos seus lados e está moi aireado.
En poucas ocasiones podemos contemplar Agrupacións de hórreos como esta, colocados entorno a unha eira, buscando aproveitar a mellor orientación para o secado do millo que se garda neles. Moi similares entre si responde ao tipo "Noia", con pequenas variacións.