Muíño de Mareas
1/1
Muíño de Mareas, O Pozo do Cachón Patrimonio industrial · s. XIX

MUÍÑO DE MAREAS, "O POZO DO CACHÓN"

O muíño de mareas o Pozo do Cachón**,** tamén coñecido como A Ponte dos Muíños, constitúe unha magnífica obra de enxeñería industrial que data da segunda década do século XIX, sendo un dos muíños de marea máis importantes de Europa. Foi mandando construír por D. Ignacio Pérez Bazarra, idea que lle xurdiu por resultar insuficientes os muíños de río existentes ata o momento, debido ao incremento no século XVIII do cultivo do millo e a diminución do caudal dos ríos da zona durante o verán. 

Emprázase na Ría de Muros. 

O edificio pódese dicir que consta de dúas plantas, a baixa sería onde se atopaban as seis entradas de auga con cadansúa comporta e os seus respectivos cubos, catro circulares e dous con sección arriba cadrada e abaixo circular, a parte frontal desta planta remata en catro amplos arcos, por onde saía a auga. Na planta de arriba atopábanse as pedras de moer, unha lareira e tamén tiña a vivenda o muiñeiro. O edificio ten pegado outro de semellantes características, e de cincuenta metros de longo, construído por un dos seus propietarios, Abelardo Dubert, nun primeiro momento para serradoiro de madeira, pero axiña se converteu nunha casa de baños coñecida tamén como os *"Baños de Santa Rita, * especializada na curación de enfermidades de tipo reumático con auga do mar e algas mariñas, así como en almacén de gran, e logo de nasas, entre outras.

O embalse tiña forma irregular e a superficie podía superar os trinta mil metros cadrados. O enchido dos embalses facíase abrindo tódalas comportas aproveitando o tempo das mareas vivas, dándolle saída á auga no tempo da baixa mar polos socaces dos muíños. Para manter o embalse limpo, e con capacidade suficiente, cada dous ou tres anos sacábase en carros a lama que se ía acumulando.

A diminución do consumo de fariña de millo e a competencia xurdida pola aparición dos muíños movidos pola enerxía eléctrica fixeron que acabase pechando, mais, mantivo a súa actividade ata primeiros dos anos cincuenta. 

En 1985 xurdiu a idea da súa rehabilitación que dou comezo no ano 1990 e que se realizaría en tres fases. As obras rematáronse en 1994, pero en novembro dese mesmo ano, unha riada destrúe parte do edificio e da ponte, o que esixe unha nova fase de reconstrución, que remataría en 1999.

No ano 2004 lévase a cabo, grazas á Excma. Deputación Provincial da Coruña, un proxecto de musealización que trata de integrar ao Muíño de Marea nun circuíto de actividades vencelladas ao turismo cultural, e polo que se converte no Centro de Interpretación de Muíños da Costa da Morte.

Este Centro de Interpretación abre as súas portas en abril do 2005.

No ano 2008, e grazas a unha axuda da Excma. Deputación Provincial da Coruña, dótase de persoal de dinamización a este espazo, co que comeza unha nova etapa.

Organismos colaboradores