Petróglifo Cova da Bruxa
Os gravados rupestres ou petróglifos son manifestacións simbólicas das comunidades prehistóricas, e pódense considerar unha das manifestacións culturais máis interesantes da prehistoria galega.
Os petróglifos do noso concello, coñecidos ata o de agora, están repartidos pola maioría das parroquias, con especial incidencia nas de Serres e Louro, entre eles, dous son singulares no conxunto da arte rupestre galega, Cova da Bruxa e Laxe das Rodas.
Coa Guía de los petróglifos de Muros de Eiroa e Rey (1984) lévase a cabo unha catalogación dos xacementos rupestres dos que daquela se tiña noticia, non obstante, hai que ter en conta que a finais da década dos noventa lévase a cabo unha serie de prospeccións nos que aparecen e se catalogan unhas dez estacións novas polo que na actualidade contabilízanse máis dunha trintena de petróglifos espallados por todo o concello.
Ata o de agora interveuse en tres estacións de arte rupestre, en Cova da Bruxa (outubro 2006), Laxe das Rodas (setembro 2007), e Naraio I (setembro do 2008) investigacións levadas a cabo polo "Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN)", Departamento de Historia I, Facultade de Historia, Universidade de Santiago de Compostela.
O repertorio figurativo dos petróglifos muradáns inclúe tanto motivos xeométricos coma figurativo-naturalistas, sendo as representacións xeométricas en Muros, coma no resto do contexto galaico, as máis abundantes e espalladas.
Con respecto aos motivos naturalistas, en Muros atopamos representacións de animais: cervos, un escena de equitación e a figura dun cánido, e a representación dunha figura humana. A figura humana e o cánido de Cova da Bruxa son manifestacións únicas dentro da arte rupestre de Galiza, e os cervos, malia a atopalos nunha soa estación, presentan unha variedade de formas que fan que sexa un xacemento singular en Galicia, pois nestes, as cornamentas son representadas con liñas rectas que nacen na cabeza do animal e que se ramifican.
É de apreciar a notable escaseza de representacións figurativo-naturalistas fronte a un notable desenvolvemento das xeométricas. As composicións son pouco frecuentes e existe dificultade para saber coa suficiente nitidez se sobre certas rochas o que apreciamos é a simple acumulación de figuras no mesmo plano, de diferentes momentos ou do mesmo momento, pero sen estar relacionadas entre si, ou ben se varias delas forman unha combinación xeral.
Pese a todo isto os animais adoitan aparecer representados en actitudes características do seu comportamento natural**,** o que indica un notable grao de observación do mundo animal por parte do gravador.