PETRÓGLIFO DE "LAXE DAS RODAS"
Os gravados rupestres ou petróglifos son manifestacións simbólicas das comunidades prehistóricas, e pódense considerar unha das manifestacións culturais máis interesantes da prehistoria galega.
Os petróglifos do noso concello, coñecidos ata o de agora, están repartidos pola maioría das parroquias, con especial incidencia nas de Serres e Louro, entre eles, dous son singulares no conxunto da arte rupestre galega, Cova da Bruxa e Laxe das Rodas.
Coa Guía de los petróglifos de Muros de Eiroa e Rey (1984) lévase a cabo unha catalogación dos xacementos rupestres dos que daquela se tiña noticia, non obstante, hai que ter en conta que a finais da década dos noventa lévase a cabo unha serie de prospeccións nos que aparecen e se catalogan unhas dez estacións novas polo que na actualidade contabilízanse máis dunha trintena de petróglifos espallados por todo o concello.
Ata o de agora interveuse en tres estacións de arte rupestre, en Cova da Bruxa (outubro 2006), Laxe das Rodas (setembro 2007), e Naraio I (setembro do 2008) investigacións levadas a cabo polo "Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN)", Departamento de Historia I, Facultade de Historia, Universidade de Santiago de Compostela.
O petróglifo de "Laxe das Rodas", é un dos máis coñecidos do Noroeste, sendo obxecto de varios estudos, dende o seu descubrimento no ano 1956 por Agustín González López. Nestes estudos ofrécense varias interpretacións, de diferente significado. Algúns autores interprétano coma un calendario plurianual baseado no movemento cíclico do sol e os meses lunares.
O grupo consta de nove figuras: dúas espirais que xiran en sentidos opostos completamente rodeadas por coviñas, que constitúen o grupo principal e sete motivos circuliformes con círculos concéntricos. Que conste dun número determinado de círculos e cazoletas, fainos pensar de que o que se representa é un computo do tempo baseado nos movementos do sol e da lúa