Praza do Mercado
Antigamente coñecida como a Praza Maior, está presidida polo Mercado de Abastos, un monumental edificio de planta rectangular situado entre rúas estreitas e salvando o desnivel do terreo, que distribúe as catro alturas coas que conta o mercado. O acceso dende a fachada principal realízase directamente ao andar baixo, ou ben ao primeiro andar a través dunha escaleira de dobre tramo con balaustrada de cantería, coroada por bolas. O escudo sobre friso ovalado quebra a liña da cornixa.
Este edificio é obra do arquitecto santiagués José María Bonet Correa e foi inaugurado o 1 de xullo do ano 1955.